Thursday 02 de May de 2024

A Deputación e a Universidade da Coruña organizan o terceiro Foro Xuventude en movemento polo emprego


Entre os conferenciantes destaca o humorista Xosé Antonio Touriñán e o que foi tradutor de Barack Obama, Anxo Pérez

A vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, presentou o Foro Xuventude en Movemento que, por terceiro ano consecutivo, organiza a institución provincial a través de Europe Direct –o centro de información europeo dependente da Deputación– e a Universidade da Coruña para favorecer o emprego entre a xente nova. Celebrarase os días 18 e 19 de novembro na facultade de Economía e Empresa do campus de Elviña.

Na rolda de prensa ofrecida esta mañá, Padín destacou a aposta da institución provincial pola xuventude e o emprego, tamén a nivel internacional grazas ao traballo do centro Europe Direct. Sinalou que neste foro os asistentes atoparán “respostas claras a preguntas concretas, relacionadas co mundo laboral da man de expertos”. “A xuventude é clave para o dinamismo europeo e para a recuperación económica de Europa”, declarou a vicepresidenta, que se mostrou preocupada pola taxa de desemprego xuvenil.

A vicepresidenta estivo acompañada pola directora de Europe Direct, Amparo Taboada, e da vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura, María José Martínez López, que salientou a importancia deste tipo de eventos que buscan mellorar a empregabilidade, máis agora, cando este é un dos eixos vertebradores dos novos títulos europeos.

“Desta vez o que estamos a facer é reunir en dous días todas as actividades de formación e información que poden interesar aos mozos, non só aos universitarios”, declarou Martínez López. A vicerreitora destacou a calidade do programa e en especial de dous conferenciantes: Xosé Antonio Touriñán, humorista e ex alumno da UDC, e de Anxo Pérez, galego que traballou como tradutor de Barack Obama e do FBI. Ambos explicarán a súa experiencia laboral e o camiño que seguiron para conseguilo.

Ademais, entre as empresas e entidades participantes no foro (Reganosa, Bricolans, INTAF, Dirección Xeral de Traballo, Fundación Galicia Europa, Fundación Barrié de la Maza…) destacan tres negocios postos en marcha tamén por ex alumnos da UDC: Colada Fácil, empresa de lavandería; Trileuco, de servizos informáticos; e Sinergias, unha iniciativa de intervención social especializada na igualdade de xénero.

Iniciativa europea
Este foro nace da iniciativa europea Xuventude en Movemento, un paquete de iniciativas de educación e emprego dirixido a xoves e que dende 2012 forma parte da estratexia Europa 2020 para un crecemento intelixente, sostible e integrador.

Este obxectivo coincide plenamente coas peticións de información que recibe Europe Direct na Coruña. Segundo explicou a súa directora, a inserción laboral sitúase entre as principais demandas dos usuarios do centro xunto ao movemento por outros países. Amparo Taboada destacou ademais o éxito das anteriores edicións e desexou que este se repita.

Coma novidade, este ano os asistentes, ademais do certificado de asistencia, terán un recoñecemento de 1,5 créditos.